domingo, 20 de marzo de 2011

Noite de Voraces sombras (Por Gonzalo) Resumen Galego

Autor : Agustin Fernández Paz

O libro trata sobre Sara, unha moza de 16 anos, escribe dous meses despois, na soidade do seu cuarto na Coruña, sobre os días de agosto en Viveiro que lle cambiaron a vida, cando deixou de ser unha rapaza atolada, non só pola descuberta do propio corpo con Daniel aquela noite na praia.
Malia a morte da avoa, mamá Laura, uns meses antes, a súa mai (novelista de éxito; seu pai, funcionario de Facenda) decidiu que debían pasar as vacacións como sempre na casa familiar de Viveiro. Sara aceptou con resignación, pois non podería estar co seu mozo, Fran. Tivo que se instalar no cuarto do tío Moncho, que a avoa non permitira abrir desde a súa morte, solteiro, había moitos anos. Remexendo nos libros, nun de poesía descubriu escrito a man un fermoso poema de amor de Cabanillas. Logo, sentindo unha presencia estraña ás súas costas, como se houbese alguén máis no cuarto, tardou en conciliar o sono.
Ao día seguinte saíu coa amiga Aurora e á volta acompañouna Daniel, un rapaz vigués que na complicidade da noite lle deu un bico longo como os de Fran, ao que ela lle correspondeu. Xa no cuarto, deu cun compartimento secreto do armario que gardaba revistas galegas da II República, fotos familiares e tamén do tío Moncho cunha fermosa muller chamada Sara Salgueiro. E cartas de amor desta. Datadas entre setembro do 32 e agosto do 36, ela (mestra galeguista, como o tío) decláralle o seu amor eterno e o medo por tantos mortos que aparecen cada día (con especial saña, os mestres) e cóntalle que vai marchar para Buenos Aires, onde ten a esperanza de que se poidan xuntar. Hai tamén unha especie de diario del escrito na prisión nun caderno de tapas de hule: en xullo do 36 marchara para Vigo para librar da morte certa, onde o localizaron e encerraron na cadea da illa de San Simón; logo, na de Pontevedra. Ata que o xulgaron condenándoo a 20 anos por predicar ideas galeguistas e progresistas, que cumpriu no cárcere de León. Nas páxinas derradeiras do caderno en setembro do 43 móstrase desesperanzado.
Malia celebraren o cumpreanos do pai, na mañá seguinte, cando a mai soubo da existencia das cartas, pechouse na habitación para lelas. Mentres, o pai explicoulle que o tío, Ramón Peña Díaz, fora das Irmandades da Fala e do PG. Ao saír en liberdade no 45 montara un taller de carpintería. Pouco despois morría atropelado por un coche que unhas táboas non lle deixaron ver e a xordeira que traía do cárcere lle impedira oír. Sara debe herdar os papeis para combater a "desmemoria" na que foi educada a súa xeración.
Como guiada por unha presencia invisible, atopou tamén a rapaza dentro dun exemplar dos "Veinte poemas de amor y una canción desesperada" tres cartas de Sara Salgueiro desde Arxentina: a primeira, de 1943, aínda namorada; na derradeira, do Nadal do 45, anunciaba que ía casar, resignada a non volver a Galicia. A estadía do irmán Xavier coas súas xemelgas fixo que non volvesen falar do tío Moncho. E Daniel voltou para Vigo, logo dunha moi afectuosa despedida nocturna na praia. Non quedaron de verse no inverno pois os dous sabían que o seu fora unha boa amizade e unha marabillosa experiencia.
Rematadas as vacacións, de volta na Coruña, o 14 de setembro foron mai e filla á illa de San Simón, cumprir a promesa de visita que o tío non puidera realizar. Cando o garda acabou de ensinarlles a illa, deixounas soas e Sara, seguindo as indicacións do diario, deu cun oco na parede do cemiterio, onde nunha vella caixa de betume dos zapatos estaba o anel de ouro co nome de Sara gravado no interior. Era tamén o seu nome, polo que a mai, emocionada, díxolle que era para ela. O tío Moncho xa podía descansar tranquilo.
E ela sente que o anel énchea de confianza cada novo día. Gracias a el non lle ten medo ao futuro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario